Saltar navegación

SD3. E ti que opinas?

Obxectivo xeral: Crear conciencia lingüística galega

Conciencia lingüística galega: Conxunto de actitudes do falante a respecto da súa lingua, valoración que fai sobre ela. Forma parte, polo tanto, da identidade do falante e maniféstase en todos os aspectos da vida: cultura, política, relacións interpersoais... Confórmase pola visión persoal que o falante ten da propia lingua e do que ela representa na sociedade. Adquírese, ao igual que outro tipo de actitudes e coñecementos, a través da transmisión interxeracional das familias, do ensino ou do contacto coas diferentes manifestacións políticas e culturais da sociedade.

FONTE: Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

PREGUNTAS arredor de saberes previos

Pregunta

PREGUNTA 1. Cal das dúas situacións descritas a continuación se corresponde coa situación social que actualmente vive a lingua galega?
En caso de dúbida, podes consultar o artigo Condiciones del bilingüismo en la Galicia actual de
Fernando Ramallo Fernández e Martín Vázquez Fernández, da Universidad de Vigo, publicadono Centro Virtual Cervantes.

Respostas

A caracterización sociolingüística máis rigorosa define a situación de Galicia como un exemplo de substitución lingüística, iniciado séculos atrás, pero sen chegar aínda ao seu final. O castelán continúa espandíndose en espazos nos que antes case non tiña presenza, por exemplo en zonas rurais de baixa densidade demográfica —baluartes históricos fronte ao proceso de substitución—, alí onde se segue falando o galego más identificado coas variedades tradicionais.

O presidente da Xunta estreouse esta cuarta feira na súa primeira sesión de control no Parlamento defendendo o "bilingüismo cordial". En Galicia hai dúas linguas e utilízanse "con total liberdade e cordialidade". O presidente da Xunta destacou que "hoxe falan galego máis persoas que fai cinco anos". Nesta liña, asegurou que "o 75% da poboación usa o galego a diario",  así como que "a porcentaxe de xente nova que fala en galego están a incrementarse".

Pregunta

PREGUNTA 2. De entre as dúas opcións seguintes, escolle a que consideres que describe mellor os conceptos de bilingüismo individual (ou bilingüismo) e bilingüismo social (ou diglosia).
En caso de dúbida, podes consultar o artigo La realidad lingüística de una comunidad bilingüe:
el caso del gallego y el español de Galicia, das autoras Noelia ESTÉVEZ RIONEGRO, Verónica RÚA GARRIDO e Iago SANTISO FERNÁNDEZ, da Universidade de Santiago de Compostela, publicado no Centro Virtual Cervantes.

Respostas

Nun principio, o concepto de bilingüismo empregábase tanto para referirse a un fenómeno individual (que un individuo tivese competencia lingüística e comunicativa máis ou menos correcta en dúas linguas), como para aludir a un fenómeno colectivo, (a situación de copresenza de dúas linguas no mesmo espazo social). Pero neste último caso, o termo non servía para distinguir as situacións nas que as linguas convivían a un nivel similar daquelas nas que se daban enormes desniveis estatutarios, sociais, etc.; que é o caso que viven o español e o galego en Galicia. Ante esta circunstancia, Charles Fergusson acuñou o termo diglosia, para referirse á existencia dunha xerarquía de prestixio entre as linguas que conviven nun mesmo territorio, onde unha delas responde a unha variedade alta, de prestixio, e a outra a unha variedade baixa, minorizada. Esta situación, posteriormente, comezou a definirse como diglosia funcional ao depender da función social para a que se utilizase cada unha das linguas.

A principal diferenza que existe entre bilingüismo e diglosia é a nivel de status sociocultural, considerando bilingüismo como a convivencia de dúas linguas nun mesmo territorio, sen existencia de predominio dunha sobre a outra, sendo ambas igualmente valoradas. En contraposición, o termo diglosia é a convivencia de dúas linguas nun mesmo territorio, pero sendo unha delas predominante sobre a outra, adquirindo maior prestixio e rango para asuntos de carácter oficial, quedando relegada a outra lingua a un uso familiar ye cotián.

Pregunta

PREGUNTA 3. Entre as dúas definicións que seguen de "substitución lingüística" e "conflito lingüístico", cal consideras máis axeitada?
En caso de dúbida, podes consultar o artigo La realidad lingüística de una comunidad bilingüe:
el caso del gallego y el español de Galicia, das autoras Noelia ESTÉVEZ RIONEGRO, Verónica RÚA GARRIDO e Iago SANTISO FERNÁNDEZ, da Universidade de Santiago de Compostela, publicado no Centro Virtual Cervantes.

Respostas

Dentro do que se entende por diglosia social, poden distinguirse dous tipos: por unha parte, o fenómeno de substitución lingüística, que se produce cando a lingua alta tende a extraer falantes da lingua baixa; e, por outra, o conflito lingüístico, que se produce cando a lingua baixa inicia un proceso de promoción.

Dentro do que se entende por diglosia social, poden distinguirse dous tipos: por unha parte, o fenómeno de substitución lingüística, que se produce cando os falantes abandonan a lingua baixa e escollen a alta; e, por outra, o conflito lingüístico, que se produce cando a lingua baixa intenta impoñerse á lingua alta.

Pregunta

PREGUNTA 4. Escolle unha das dúas opcións que seguen para definir adecuadamente o concepto de normalización lingüística.

Respostas

A normalización lingüística é o proceso que promove a presión da lingua baixa sobre a lingua alta, fomentando o seu uso en ámbitos nos que acostumaba empregarse e dos que foi desprazada pola segunda, coa finalidade última de gañar terreo para alcanzar o seu mesmo rango sociolingüístico. Do contrario, acabaría avanzando o proceso de substitución lingüística.

A normalización lingüística consiste no proceso para acadar o «bilingüismo harmónico», consistente na convivencia lingüística que considera a situación social das linguas desde a igualdade. A política lingüística debe promover esa harmonía, mantendo un baixo nivel de conflito social.

Pregunta

PREGUNTA 5. A partir deste texto, escolle cal das dúas opcións seguintes identificarías como un prexuízo lingüístico novo:
Entre os múltiples factores que alteran a transmisión interxeracional da lingua cabe destacar principalmente un: os prexuízos lingüísticos. «Un prexuízo é unha idea preconcibida, que ten a súa orixe nun erro (deliberado ou non) na categorización da realidade». Unha persoa que acolle este prexuízo como propio terá sempre unha predisposición a avaliar favorable ou desfavorablemente un obxecto, persoa ou situación (neste caso, unha lingua).

Respostas

Un prexuízo lingüístico sobre a utilidade do galego sería o seguinte: "o galego só serve para usalo en Galicia, non ten proxección internacional como o español, polo que aprender galego é unha perda de tempo".

Dentro do ámbito da investigación, outro prexuízo sería: "o galego non serve como idioma técnico para falar de conceptos científicos ao máis alto nivel".

Pregunta

PREGUNTA 6.
O proceso de substitución lingüística, fortalecido durante boa parte do século xx, continúa vixente e cada vez é máis obvio que o galego está nunha delicada situación en termos de vitalidade lingüística. Aínda que durante estes anos vellos prexuízos foron desprazados, tamén é certo que se mobilizaron outros novos, aparentemente máis sofisticados.
Por que se mobilizan novos prexuízos?
Escolle unha das dúas opcións seguintes.

Respostas

Para «naturalizar» as desigualdades que sofren as persoas pola lingua que deciden utilizar no se día a día.

Para negar o conflito lingüístico e naturalizar a substitución lingüística.

Habilitar JavaScript

Feito con eXeLearning (Nova ventá)