Saltar navegación

Tarefa Final

Artigo de opinión

A partir da información que se achega nos Documento 1 e Documento 2, que atoparás a continuación, escribe un artigo de opinión no que deas resposta a unha das seguintes preguntas (a que ti escollas), evidenciando nos teus argumentos que consultaches eses dous documentos sinalados:

  • É o galego unha lingua normalizada nos medios de comunicación?
  • Pode sobrevivir o galego na era da IA sen conciencia lingüística crítica por parte das galegas e dos galegos?

PASOS A SEGUIR

  1. Revisa todos os documentos vistos nesta secuencia didáctica.
  2. Repasa a rúbrica para a Avaliación de producións textuais.
  3. Le comprensivamente os documentos 1 e 2 sinalados antes.
  4. Sigue as indicacións do documento PASOS PARA ELABORAR UN ARTIGO DE OPINIÓN
  5. Escribe o artigo e envíao por correo en formato pdf como documento adxunto, respectando as indicacións do Caderno TIL para a presentación e envío de tarefas.

DOCUMENTO 1. A Normalización e os medios de comunicación

A función dos medios de comunicación

Noam Chomsky, lingüista, filósofo, politólogo e activista estadounidense, afirmaba en 1990 que os medios de comunicación de masas actúan como transmisores de mensaxes dirixidas á cidadanía media, cumprindo coa súa función: entreter, informar e impartir valores e códigos de comportamento (estereotipos) que permiten modelar os individuos ás estruturas sociais. Deste xeito, a manipulación mediática xurde do interese dos grupos dominantes por conformar unha conciencia colectiva, facilmente manexable polas macroempresas da comunicación.

Tendo en conta que o periodismo é unha actividade humana, pasa pola subxectividade de quen o realiza. As e os xornalistas non poden ser imparciais. Pero, ademais, dependen das intencións dos seus artífices, de quen lles paga polo seu traballo, que son aqueles que posúen os medios de comunicación. Deste xeito, selecciónanse temas, manéxanse estatísticas, deslízanse imaxes, siléncianse unhas ideas e destácanse outras... Segundo os intereses deses artífices reflíctense, falséanse ou fabrícanse verdades.

Como dicía Kant en 1788, “o obxectivo é aquilo que é válido pola vontade de calquera ser razoable”. É dicir, a obxectividade está en que cada observador/a ten unha visión, polo tanto cada xornalista achega unha visión; consultando fontes de información diversa obterase unha visión plural dos feitos e, polo tanto, máis obxectiva. Por iso é importante coñecer o perfil ideolóxico dos dos grupos mediáticos e dos xornais.

O que non está nos medios non existe

O primeiro comentario sobre a necesidade de que o galego aparecese na prensa escrita apareceu no Heraldo Gallego en 1876, nun artigo que, xa naquela altura, presentaba a prensa como un poderoso instrumento para a difusión do galego:

«Otro asunto de no menor importancia y que levantaría a una gran altura el espíritu y el carácter de nuestro pueblo, es la propaganda activa y constante de la dulcísima habla de Galicia. Para conseguir esta patriótica empresa no necesitan nuestros queridos compañeros en la prensa del auxilio oficial. Consagrando cada periódico semanalmente una sección destinada a la inserción de composiciones en prosa y verso, escritas en nuestro melodioso lenguaje, y a la publicación de refranes y cantares populares de nuestro país, mucho podríamos adelantar en la noble y honrosa tarea a que estamos consagrados» (Fernández Parratt, Sonia, 2022. Medios de comunicación e bilingüismo).

Os medios de comunicación son un vehículo de sustento das linguas, e como tales serven como instrumento normalizador para as comunidades diglósicas que contan con linguas propias minorizadas. Pero non sería até case un século despois que Galicia contaría cunha Lei de Normalización Lingüística, aínda que para algúns segue a ser considerada unha imposición institucional e para bastantes outros de pouco serviu pois desde a súa aprobación case non se avanzou no proceso de introdución do galego nos medios de comunicación, especialmente escritos.

A Normalización na era dixital

O 15 de xuño de 2024 cumpríronse corenta anos da aprobación polo Parlamento de Galicia desa Lei de Normalización Lingüística, desenvolvendo o artigo 5º do Estatuto de Autonomía, que declara o galego "lingua propia de Galicia", dispón a súa oficialidade, proclama o dereito de coñecelo e usalo e contén un mandato normalizador para que os poderes públicos o promovan "en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa". Non obstante, segundo Henrique Monteagudo, o galego segue perdendo falantes, ten unha presenza pouco máis que testemuñal nos principais medios de comunicación, e os vellos prexuízos rebrotan, mentres xorden outros novos. A persistencia dos fenómenos de substitución lingüística e de ruptura da transmisión interxeracional son ben elocuentes das limitacións da política lingüística desenvolta.

 “Cando se aprobou a LNL ninguén ventaba o tsunami das novas tecnoloxías da información e a comunicación nin podía sospeitar ata que punto a Web, os computadores e os teléfonos móbiles transformarían a nosa experiencia cotiá. Velaí un reto crucial, pois é ben sabido que na adaptación rápida ás innovacións técnicas se xoga moito do futuro das linguas. Por parte, hai corenta anos nin sequera existía o termo "globalización", un fenómeno que acabou por identificar o plurilingüismo, antes sinónimo de diversidade, co inglés, o que colocou o reto de integralo no noso sistema educativo”. (Monteagudo, Henrique. 2023. Corenta anos da Lei de Normalización Lingüística)

 A chegada de Internet e con ela da prensa dixital e das redes sociais a finais do século XX e a súa expansión no século XXI, mudou considerablemente o panorama xornalístico a nivel global e local. A pesar diso seguen sobrevivindo medios en soporte papel.

A Enquisa Estrutural de Fogares sobre o coñecemento e uso do galego publicada en 2019 polo IGE evidenciou un uso moi reducido do galego na navegación por internet e nas redes sociais, que conforman un campo de batalla fundamental para a normalización da lingua. Apenas un 3,78% dixo navegar "máis en galego que en castelán" e só un 1,29% afirmou facelo sempre en galego. Dos galegos e galegas que empregan as redes sociais só usan o galego en exclusiva ou de forma maioritaria o 25% e o 30%. Persoas que usan habitualmente o galego cambian de lingua cando interactúan virtualmente.

“No conxunto dos medios de comunicación, os datos de uso da lingua galega son moi negativos; a pesar de que máis da metade da audiencia dos medios de comunicación desexa máis contidos en galego, a realidade é que son pequenas as porcentaxes de persoas que ven a televisión, escoitan a radio ou len a prensa en galego, en boa medida polo escaso número de opcións nesta lingua, fronte a un dominio esmagador dos contidos en castelán. E sucede o mesmo coa lectura de libros”. (Fonte: Marcos Pérez Pena para praza.gal, 20-10-2019)

Como evitar que a IA acabe co galego?

 Os algoritmos de contidos recomendados nas redes sociais, os asistentes de voz dos coches ou das casas, a capacidade automática do móbil para mellorar as fotografías... son exemplos da intelixencia artificial que nos rodea; aínda que non fosemos plenamente conscientes até a irrupción de Chat GPT. Se ben, este supuxo un punto de inflexión porque se trata dunha ferramenta lingüística, detrás da cal hai unha tecnoloxía creada por Google en 2017 para a tradución automática, que se coñece co nome de transformers. Os problemas que trae consigo non van afectar só ao galego, pois os textos que xera non se distinguen dos creados por humanos, polo que pode provocar aínda máis desinformación; os datos dos que bebe levan consigo racismo, machismo, xenofobia e todo tipo de prexuízos, tamén lingüísticos; e o seu custe enerxético en pegada de CO2 é enorme.

Aínda así, o Proxecto Nós busca conseguir que o galego non se vexa en risco de desaparecer por unha intelixencia artificial, que só fale en idiomas hexemónicos. Preténdese co proxecto crear un sistema de intelixencia artificial que empregue o galego para comunicarse. Do Proxecto Nós, naceu o proxecto Ilenia co obxectivo de crear modelos multilingües cun equilibrio de reparto entre linguas, que posúan as linguas oficiais da Península Ibérica. (FONTE:  Ángela Precedo, Galicia Confidencial, 27/10/2023)

14O medios en galego?

140 medios en galego
Oscar Barral. Mapa de medios en galego (CC BY)

A Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento Galego en 1983, pretende asegurar e regulamentar o proceso normalizador da nosa lingua. Artigo 1. O galego é a lingua propia de Galicia.Todos os galegos teñen o dereito de coñecelo e de usalo. Artigo 2. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma. Artigo 3. Os poderes públicos de Galicia adoptarán as medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razón de lingua. Os cidadáns poderán dirixirse aos xuíces e tribunais para obter a protección xudicial do dereito a empregar a súa lingua. Artigo 6 1. Os cidadáns teñen o dereito ao uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma. 2. As actuacións administrativas en Galicia serán válidas e produciran os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada. 3. Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns. Artigo 10. Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega. Artigo 12 1. O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos. Artigo 18. O galego será a lingua usual nas emisoras de radio e televisión e nos demais medios de comunicación social sometidos á xestión ou competencia das institucións da Comunidade Autónoma.

Artigo 5 1. A lingua propia de Galicia é o galego. 2. Os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar. 3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. 4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua. Artigo 27 No marco do presente Estatuto, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva das seguintes materias: 1. Organización das súas institucións de autogoberno. […] 20. A promoción e o ensino da lingua galega.

DOCUMENTO 2. A evolución da conciencia lingüística galega

Conciencia lingüística

Manifestación de Eu quero o galego
CIG-Ensino. Eu quero o galego (CC BY)

A conciencia lingüística ten carácter social. Adquírese, ao igual que outro tipo de actitudes e coñecementos, a través da transmisión interxeracional das familias, do ensino ou do contacto coas diferentes manifestacións políticas e culturais da sociedade. A existencia de bilingüismo social no territorio galego é un aspecto importante neste sentido. Cando dúas linguas están en contacto, prodúcese unha situación que favorece que os falantes tomen conciencia da súa propia lingua. Así, a conciencia da lingua galega foise adquirindo en boa medida a través da conciencia do elemento diferencial da lingua coa que convive, o castelán. A conciencia lingüística convértese deste xeito nun importante aspecto favorecedor da cohesión interna e social do idioma.

Unha mala conformación da conciencia lingüística pode, contrariamente, provocar un sentimento de infravaloración da lingua propia e a asunción de actitudes diglósicas e de prexuízos lingüísticos que contribúen a unha peor instalación social do galego na nosa sociedade.

O feito de posuír unha conciencia lingüística ben estruturada contribúe positivamente a:

  • Non ter actitudes prexuizosas a respecto da propia lingua.
  • Ser tolerante a respecto doutras linguas ou das variedades dialectais da propia lingua.
  • Combater situacións de manipulación ou minorización da lingua.
  • Identificarse co conxunto dunha comunidade lingüística e social.

Idade Media

Miniatura do Cancioneiro de Ajuda
Wikipedia. Miniatura do Cancioneiro de Ajuda (Dominio público)

Desde o seu inicio como lingua derivada do latín, o galego vive na Idade Media unha situación de monolingüismo social e de normalidade e mesmo de grande prestixio social, a causa da importancia da súa escola trobadoresca. A partir do século XIV, irrompe no país unha nobreza foránea castelanfalante que favorece que o castelán se vaia progresivamente instalando en Galiza, rematando así o monolingüismo social. Ao cabo dalgún tempo, a chegada dunha nova elite eclesiástica, política e administrativa vai propiciar o progresivo declive do galego como lingua culta en beneficio do castelán e o nacemento da diglosia.

Séculos Escuros

Raíña Isabel a Católica
Wikipedia. Isabel de Castela (Dominio público)


A perda de conciencia por parte dos galegofalantes da importancia da lingua propia do país increméntase nos denominados séculos escuros (XVI e XVII), nos que o galego perde contacto case total coa lingua escrita e se converte nunha lingua familiar, só empregada en situacións informais. A deterioración da conciencia que a maioría dos galegos teñen da súa lingua chega ao extremo de que sexa visto como un dialecto rústico e vulgar do castelán, única lingua de prestixio.

Ilustración

Sarmiento
Wikipedia. Frei Martín Sarmiento (Dominio público)


No século XVIII comeza a haber un movemento reivindicativo da conciencia lingüística galega por parte dos ilustrados galegos, entre os que destaca o Padre Sarmiento, que emprende serios traballos de investigación lexicolóxica e denuncia a inxusta discriminación lingüística do galego, propugnando o seu uso no ensino e a obrigatoriedade do seu coñecemento para todos os funcionarios destinados en Galiza.

Rexurdimento

Rosalía de Castro
Wikipedia. Rosalía de Castro (Dominio público)

Mediado o século XIX, comezan a producirse as primeiras manifestacións de diferencialismo político e unha toma de conciencia da nosa singularidade, encarnada polos homes da doutrina provincialista (Antolín Faraldo, Francisco Añón, Alberto Camino...) que devolven o galego ao ámbito da escrita culta. Na segunda metade do século, nace o Rexurdimento literario, que culmina coa publicación de importantes obras literarias de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal.

A reactivación da conciencia lingüística maniféstase, ademais, no rexeitamento da consideración do galego como dialecto, na preocupación por prestixiar e estudar o idioma galego e na publicación das primeiras gramáticas e dicionarios da lingua galega, entre os que destaca a gramática de Saco e Arce. Tamén se publican as primeiras historias de Galiza, como a de B. Vicetto e a de M. Murguía e aparecen os primeiros exemplos de prensa monolingüe en galego.

No período final do século, cobra forza a corrente rexionalista (integrada por M. Murguía e A. Brañas, entre outros) que considera a Galiza unha nación, dentro do conxunto dos pobos de España. Reivindica a autonomía política para Galiza e loita pola recuperación e preservación das súas particularidades identitarias culturais e lingüísticas.

Nós

Castelao
Wikipedia. Castelao (Dominio público)

O inicio do século XX vén marcado polo avance da conciencia do galego cara a unha plasmación da identidade nacional dentro do marco de actuación das Irmandades da Fala, creadas en 1916. Este movemento, que supón o nacemento do nacionalismo en Galiza, propugna, entre outras reivindicacións, a oficialidade do galego e o seu emprego no ensino, así como a consecución dunha autonomía política para Galiza. Tamén realiza os primeiros intentos de estandarización do galego para convertelo nunha lingua culta á par de calquera outra lingua europea.

Por outro lado, as Irmandades impulsan o emprego do galego en numerosas actividades das que até entón estivera excluído e contribúen así á súa posta en valor nunha sociedade que seguía considerando maioritariamente o castelán como a principal lingua de cultura. A afirmación da conciencia lingüística leva consigo a creación dunha prosa moderna en galego, representada de maneira especial polos integrantes do grupo Nós.

Castelao convértese na figura máis representativa deste período e no símbolo da toma de conciencia lingüística fronte á imposición do castelán. Castelao considera o idioma galego como a principal institución social e o compoñente básico da nación galega. A súa frase “Se aínda somos diferentes e capaces de existir, non é máis que por obra e graza do idioma” é esclarecedora a respecto da súa conciencia e actitude cara á lingua. Esta quedou plasmada na súa obra Sempre en Galiza, que constitúe o principal referente da asunción da identidade lingüística por parte dos galegos.

Ditadura

Panfleto de 1942, A Coruña
Wikipedia. Panfleto de 1942, A Coruña (Dominio público)

Coa irrupción da ditadura franquista, os avances producidos na consideración do galego víronse bruscamente freados. A conciencia lingüística galega é duramente reprimida e non se tolera ningún tipo de manifestación pública que faga referencia a ela. Unicamente no exilio americano, no que Castelao exercerá o papel de líder da loita pola conservación da identidade galega, continúa a haber unha importante e variada actividade cultural en galego (teatro, radio, revistas, conferencias...).

A partir dos anos 50 vai cobrando forza a resistencia interior en Galiza, ao redor da actividade da editorial Galaxia. Conséguese, ademais, que o réxime permita pequenos avances, como a creación da cátedra de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago ou a conmemoración do Día das Letras Galegas.

Democracia

Constitución española 1978
miguelazo84 . Constitución española 1978 (CC BY-SA)

Coa recuperación da democracia, promúlgase a Constitución de 1978. Este novo marco político permite grandes logros que favorecen a consolidación da conciencia lingüística e a mellora das actitudes e comportamentos dos galegos a respecto da súa lingua. Algúns factores que contribúen decisivamente á consolidación da conciencia lingüística son:

  • A consideración do galego como lingua oficial, desde a constitución española de 1978.
  • A súa introdución como materia obrigatoria no ensino primario e secundario, a partir do curso 1979-80.
  • A publicación, en 1983, da lei de normalización lingüística, que regula o emprego do galego nos distintos sectores da sociedade.
  • A creación da RTVG, que inicia as súas emisións en 1985.
  • A creación dunhas institucións (Goberno, Parlamento, Tribunal Superior de Xustiza de Galiza...) que teñen como unha das súas finalidades principais o fomento do galego.

Con todo, a mellora das circunstancias nas que se move actualmente o galego non conseguiu eliminar a concepción diglósica que continúa arraigada nunha importante parte da poboación, que considera que o galego segue a ser unha lingua de segunda categoría. Esta manifestación devaluada da conciencia da propia lingua ten unhas consecuencias tremendamente negativas para a supervivencia do galego. Provoca unha ruptura da transmisión interxeracional da lingua, xa que moitos pais e nais galego-falantes prefiren educar os seus fillos en castelán, ao pensaren que iso vai favorecer a súa instalación social. A consecuencia directa disto é a perda progresiva de falantes.

O abandono do galego está a manifestarse dun xeito máis acusado nas xeracións máis novas que, carentes dunha conciencia lingüística positiva cara ao galego, consideran hoxe en día de maneira maioritaria o castelán como a súa lingua habitual de comunicación, especialmente nas cidades. Estamos asistindo por tanto a unha situación de grande complexidade que pode decidir o futuro da lingua propia de Galiza. Só unha recuperación do galego por parte do sector máis novo da poboación, como unha parte importante da súa identidade, pode asegurar a pervivencia do idioma.

Artigo 3 1. O castelán é a lingua oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de a coñecer e o dereito de a usar. 2. As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos. 3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.

Feito con eXeLearning (Nova ventá)