SITUACIÓN
Babel ou a confusión
A torre de Babel é o nome dunha edificación recollida no libro da Xénese, pertencente á Biblia, a través da cal Moisés explica por que os pobos do mundo falan linguas diferentes. Trátase dun dos chamados mitos etiolóxicos, cuxa finalidade era explicar a procedencia dos fenómenos naturais. O mito narra a orixe da diversidade lingüística como un castigo divino. En palabras de Teresa Moure:
A cultura occidental considerou esta diversidade das linguas unha pexa para a comunicación e elaborou para explicala o mito da Torre de Babel. (...) a historia é máis ou menos a seguinte: os seres humanos ofenderan a Deus ao edificaren unha torre tan alta que case chegaba ao ceo. Para previr os excesos de soberbia que esta proeza podería ocasionar, Deus castigounos: a partir daquel momento non poderían entenderse os uns aos outros e no seu mundo reinaría a confusión. O mito presenta a existencia de linguas distintas como unha maldición divina - converténdose así nunha lectura política aínda moi frecuente na nosa sociedade cando as persoas aspiran a se entenderen sen dificultade en todos os países -. En realidade a diversidade lingüística, como a diversidade biolóxica, cultural, de ideas, de sentimentos... é unha bendición. Nunha visión radical das relacións entre linguaxe e pensamento, o ser humano ao aprender outras linguas, pasa a habitar mundos distintos. As linguas doutros pobos (...) non só posúen listaxes de palabras distintas (...), senón que ofrecen categorías descoñecidas para nós e ideas imposibles de imaxinar se permanecemos pechados nunha única visión da realidade. Cando nos familiarizamos con outras linguas abrimos as nosas mentes á variación: nin todo o mundo pensa coma nós, nin é obrigatorio e único o que antes nos parecía tan "natural".
Moure, Teresa (2011): "Ecolingüística. Entre a ciencia e a ética"
Babel é o nome bíblico da cidade de Babilonia e procede da palabra hebrea "balal", que significa "desordenar". Este mito xudeocristián é o máis coñecido, pero non é o único que considera o multilingüismo un castigo. O conto tradicional sumerio "Enmerkar e o Señor de Aratta" (século 21 a.C.) relata unha historia moi semellante a esa pasaxe bíblica.
A pesar de que o mundo é unha realidade multilingüe na que existen máis de 6000 linguas que se reparten entre os 195 estados recoñecidos pola ONU e, polo tanto, a pesar de que o contacto de linguas é a situación habitual; ao longo da historia mantívose a consideración da diversidade lingüística como castigo divino. Só en época recente institucións e organismos defenderon e potenciaron o multilingüismo e o multiculturalismo. Como a ONU, que asegura que o multilingüismo promove a unidade na diversidade e no entendemento internacional, e recoñece a importancia de protexer as distintas linguas, o que equivale a protexer as diferentes culturas e promovelas; ou como a UNESCO, que denuncia que un 50% das linguas está en perigo de extinción debido á globalización e pretende concienciarnos do importante que é para o mundo conservar o seu patrimonio lingüístico.
Así, nos últimos tempos, multilingüismo e plurilingüismo adquiriron grande importancia para a aprendizaxe das linguas no seo do Consello de Europa, que en 2018 incorporou ás competencias clave unha nova, a competencia plurilingüe. En 2020 esta competencia e as consideracións do Consello de Europa entran na lexislación educativa española a través da LOMLOE e, posteriormente, na lexislación educativa galega, por exemplo co Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
Agora ben, a pesar da lexislación que ampara a diversidade e protexe as linguas minoritarias ou minorizadas, moi especialmente desde a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, asinada por España en 2001; perviven as situacións de conflito lingüístico, avanzan os procesos de substitución lingüística e con eles a perda de diversidade, favorecida polas linguas hexemónicas, de prestixio, en detrimento das linguas minorizadas e/ou minoritarias. Estas situacións lingüísticas conflitivas, do mesmo xeito que sucede noutros ámbitos (relixioso, político, étnico, racial, físico, sexual, de xénero...), aliméntanse a través dos estereotipos establecidos en cada sociedade que nutren e á súa vez se nutren dos prexuízos. Para acabar con estas situacións e frear eses procesos, é preciso erradicar os prexuízos (de todo tipo, lingüísticos ou sexistas, racistas ou relixiosos...) desde a escola e a formación básica, botando man da normalización e a visibilización.
En consecuencia, os obxectivos desta situación de aprendizaxe son:
- na primeira secuencia didáctica, desenvolver a competencia plurilingüe e intercultural do alumnado, a través do coñecemento da realidade plurilingüe e pluricultural da Península Ibérica en xeral e do Estado español en particular, contemplada desde unha ollada histórica. Preténdese que o alumnado sexa quen de reflexionar sobre a situación de contacto de linguas e culturas, as consecuencias negativas dese contacto para as linguas minorizadas e a oportunidade de reverter a situación favorecendo a diversidade desde o plurilingüismo inclusivo, investigando en pequenos grupos as características, historia e situación social de cada unha das linguas da Península. Búscase tamén que o alumnado se sirva das linguas coñecidas para, a través delas e doutros coñecementos (culturais, literarios, históricos, sociais, etc.), comprender as outras linguas peninsulares. (ODS 4 e ODS 16)
- na segunda secuencia didáctica, propiciar o desenvolvemento da competencia intercultural (interacción adecuada con persoas procedentes doutras culturas) e, polo tanto, da competencia en conciencia e expresións culturais. Preténdese que o alumnado sexa quen de identificar e enfrontar todo tipo de prexuízos, a través das redes sociais e de viñetas, establecendo relacións entre os prexuízos lingüísticos, os prexuízos raciais, os prexuízos relixiosos e os prexuízos sexistas e servíndose da argumentación oral para derrubalos. (ODS 10 e ODS 16)
- na terceira secuencia didáctica, incidir no desenvolvemento da competencia cidadá. Preténdese que o alumnado entenda os procesos de normalización daquilo que foi minorizado ou invisibilizado na sociedade, a través dos medios de comunicación; procúrase tamén que o alumnado constrúa a súa conciencia lingüística e desenvolva o seu pensamento crítico servíndose da argumentación escrita na defensa da ecoloxía das linguas e a igualdade entre homes e mulleres. (ODS 5 e ODS 10)
Para lograr eses obxectivos, o alumnado realizará diferentes tarefas a través das tres secuencias didácticas que conforman a situación de aprendizaxe, coa finalidade de dar resposta á pregunta inicial, "Falando enténdese a xente?", a través dun debate, do que deberá nacer o produto final: un manifesto común contra a violencia de xénero.
...
Relato fabuloso no que interveñen personaxes simbólicos que representan as forzas da natureza ou aspectos da condición humana. (RAG)
Coexistencia de distintas linguas nunha sociedade determinada.
Presenza simultánea de dúas ou máis linguas na competencia comunicativa dun individuo e interrelación que se establece entre elas.
A competencia plurilingüe implica utilizar distintas linguas, orais ou signadas, de forma apropiada e eficaz para a aprendizaxe e a comunicación. Esta competencia supón recoñecer e respectar os perfís lingüísticos individuais e aproveitar as experiencias propias para desenvolver estratexias que permitan mediar e facer transferencias entre linguas, incluídas as clásicas, e mantener e adquirir destrezas na lingua ou linguas familiares e nas linguas oficiais. Integra dimensións históricas e interculturais orientadas a coñecer, valorar e respectar a diversidade lingüística e cultural da sociedade co obxectivo de fomentar a convivencia democrática.
Situación na que a lingua propia dun territorio é desprazada das súas funcións sociais por outra lingua allea que se instalou no poder, habitualmente a través dun proceso histórico de expansión, anexión ou colonialismo. A partir dese momento, as dúas linguas compiten: a lingua propia por recuperar as funcións usurpadas e a lingua foránea por desempeñar todas as funcións.
Proceso polo cal os falantes da lingua propia dun territorio abandónana cambiándoa pola lingua hexemónica e de prestixio, pero foránea.
Lingua que goza dun gran prestixio social, determinado pola existencia dun poder político e económico que a potencia. Cumpre ou busca cumprir todas as funcións sociais, polo que condicionan o uso da lingua propia dese territorio, pero minorizada ou minoritaria, ao desprazala das súas funcións. HAbitualmente a lingua hexemónica svaise implantando no ámbito urbano e nos usos formais
Lingua propia dun pobo, dun territorio, que se veu sometida a un proceso de substitución, sendo desprazadas de moitas funcións sociais pola lingua foránea, pero hexemónica. Habitualmente a lingua minorizada mantense nos ámbitos rurais e nos usos informais.
Percepción exaxerada e con poucos detalles, simplificada, que se ten sobre un grupo de persoas que comparten certas características, calidades e habilidades. ► Baséanse nunha ideoloxía de «modelo a seguir» de conduta ou físico. Son ideas, actitudes, crenzas impostas polo medio social e cultural, que se aplican de forma xeral a todas as persoas dunha categoría, nacionalidade, etnia, idade, lingua, sexo, orientación sexual.
Proceso de formación dun concepto ou xuízo sobre algunha persoa, obxecto ou idea de maneira anticipada, carecendo de verdadeiro coñecemento da realidade que se prexulga. É un “xuízo de valor previo” que leva consigo unha actitude (negativa) cara aos membros dun grupo. Non se basea no coñecemento das persoas, senón en pensar que todas as persoas que pertencen a ese grupo son iguais entre si. Os prexuízos nacen dos estereotipos que os individuos atopan estabelecidos na sociedade á que pertencen.
Proceso de recuperación por parte dunha lingua propia dun territorio das funcións que lle foron usurpadas pola lingua foránea, pero hexemónica. Este proceso permite salvagardar a diversidade lingüística e sitúase no marco do ecoloxismo lingüístico, que implica unha protección especial das linguas ameazadas.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial 4.0