Saltar navegación

Tarefas Posibilitadoras

TP1. Lendo as liñas. Tarefa de comprensión lectora: Le o seguinte texto; despois identifica e anota as ideas principais; e, finalmente, seguindo as indicacións do Caderno TIL, elabora un resumo do mesmo.

A Real Academia trabucouse

pandereita
Mabel Rodríguez. Pandeireta (CC BY)

Non serei eu quen diga que as nosas cantareiras (e o cancioneiro popular) non merezan homenaxes. Levan séculos creando cultura de nós e ese xa é mérito dabondo para ter o noso recoñecemento eterno. Pero o Día das Letras naceu para outra cousa.

Dou por feito que van odiarme moitos por este artigo pero ao meu entender a Real Academia Galega (RAG) trabucouse profundamente nesta ocasión. Porque o Día das Letras naceu para recoñecer o traballo autoral de alguén que, dun xeito consciente e constante, elabora unha obra literaria na nosa lingua. Ese non é o caso das cantareiras nin de lonxe. As que pariron as nosas coplas populares fixérono para cantar e expresar un mundo, pero non estaban facendo unha obra literaria. Dende logo que non. E non se me entenda mal que sei de sobra o que é a poesía popular. O asunto, como digo, é outro. E ten que ver coa «intención» daquelas que crean.

Non son quen de comprender, e xúrolles que levo dándolle voltas dende que se coñeceu o nomeamento da RAG, que motivos puideron ter para tomar semellante decisión. Necesitaban dedicarlle o día a mulleres? Pois velaí está Anisia Miranda, por exemplo, que foi moito máis que a señora de Neira Vilas. Ou Pura e Dora Vázquez, turrando da literatura infantil durante décadas en contextos ben difíciles. E como non está escrito en ningures que teña que ser un ano muller, outro home, por aí andan Ramiro Fonte, Antón Tovar, Fiz Vergara Vilariño, Eusebio Lorenzo Baleirón e tantos outros que agardan no esquecemento da rúa Tabernas da Coruña a que alguén se lembre deles.

O Día das Letras é a nosa gran festa cívica e a decisión de a quen darllo é crucial, sobre todo pensando en que do que se trata é de explicarlle á sociedade que hai autoras e autores en lingua galega cunha obra potente feita en clave literaria e en diálogo coas literaturas coetáneas do seu tempo. Non é o caso das cantareiras. Non o é porque elas non facían literatura.

A RAG vén facendo un labor magnífico dende hai anos. Mais, neste caso, coido que meteron a zoca. En termos literarios non estaban pensando. Quizais noutras cousas paralelas porque, nun plenario tan dividido como o que hai, cómpre quedar ben con todo o mundo. Pero para nós, para os que non estamos na Academia, esta decisión é incomprensible e, sobre todo, allea por completo a aos obxectivos que, dende 1963, ten o Día das Letras Galegas.

Imos cantar un mundo o ano que vén. Ímolo pasar moi ben. Pero a nosa sociedade vai despistarse bastante sobre o que significa «letras galegas».

 Castro, F. (2024) A Real Academia trabucouse. Canción do náufrago.  La voz de Galicia (09-07-2024) 

TP2. Lendo entre liñas. Actividades de reflexión sobre a lingua empregada no texto anterior para entendelo mellor.

ACTIVIDADE 1. Partindo dos 5 elementos recollidos no cadro seguinte, analiza o texto de Francisco Castro, para identificar a súa tipoloxía, exemplificando cada un deses elementos con citas extraídas do texto. Posteriormente deberás xustificar en que xénero discursivo o encadrarías. Ao acabar, podes comprobar se as túas conclusións son acertadas a través da hiperligazón "Os textos xornalísticos".

TIPOS DE TEXTO CITAS DO TEXTO EXPLICACIÓNS
1. SOPORTE
2. ESTRUTURA
3. INTENCIÓN
4. FORMA
5. DESTINATARIA/O

ACTIVIDADE 2. Para entender a estrutura do texto é necesario analizar os parágrafos nos que se organiza e os conectores que os unen e permiten que o texto progrese tematicamente evitando repeticións, contradicións ou o caos. Identifica os elementos que dan cohesión ao texto. Despois, reduce cada parágrafo a unha idea. Posteriormente, une esas ideas servíndote de novos conectores. A continuación, reúne dúas ou máis ideas nunha soa, reducíndoas o máximo posible até chegar a enunciar o texto a través dunha oración.

ACTIVIDADE 3. Para entender a intención do autor e a quen se dirixe como destinatario/s da súa opinión, é fundamental analizar o uso das persoas gramaticais que aparecen no texto.  Escribe esas persoas gramaticais, anota cal ou cales se repiten máis e interpreta cal consideras que é a reacción que pretende nas persoas receptoras da súa mensaxe. Pode axudarte a atopalas:

  • identificar os pronomes e os posesivos
  • identificar os verbos.

ACTIVIDADE 4. Para entender a relación que o autor quere establecer coas persoas receptoras do seu texto é necesario identificar en que rexistro se sitúa. Pode axudarte a descubrilo:

  • identificar as repeticións léxicas
  • identificar os termos xenéricos
  • identificar os coloquialismos
  • identificar as frases feitas
semántica
Aspectos de semántica (CC BY-NC)

ACTIVIDADE 5. Para entender ben o texto é importante identificar as palabras clave que o autor utilizou coa intención de soster o asunto arredor do cal xira a súa exposición e/ou argumentación. Busca esas palabras clave no texto. Pode axudarte a atopalas:

  • identificar as relacións semánticas que se establecen entre elas (sinonimia, termos contrarios, polisemia, homonimia ou relacións xerárquicas)
  • identificar os campos semánticos que aparecen no texto

ACTIVIDADE 6. Para entender ben o significado das palabras é importante saber como se construíron (formación de palabras: derivación, composición, parasíntese) e cales son as súas partes ou morfemas (análise morfolóxica); pois sufixos e prefixos adoitan achegar os mesmos significados a distintas raíces. Analiza morfoloxicamente as palabras clave que seleccionaches na actividade anterior. Pode axudarte a atopar o significado desas palabras:

  • identificar as familias léxicas do texto
  • identificar os morfemas derivativos que se repiten no texto
morfoloxía1
Aspectos de Morfoloxía 1 (CC BY-NC)

morfoloxía2

TP3. Lendo tras as liñas. Cuestións para reflexionar sobre o contido do texto, tendo en conta o contexto social no que se insire.

  1. Quen son as cantareiras? Carecen de "intención" de crear? Non facían (non fan) literatura? Que é a literatura? E a poesía?
  2. Como se orixinou a Literatura Galega? E a castelá? E a mozárabe?
  3. Existe a poesía sen música? Que son as cantigas medievais?
  4. A poesía popular non é literatura? Que é? Que son os "cantares gallegos" de Rosalía de Castro?
  5. A quen se lle dedicou por primeira vez o Día das letras Galegas? Cando? Por que nesa data?
  6. Cal é o obxectivo de celebrar o Día das Letras Galegas?
  7. Só se pode ser escritor/a se se elabora unha obra literaria "de xeito consciente e constante"? Que pasa con aqueles escritores como Salinger, autor da obra máis famosa nos EEUU, O gardián entre o centeo (The Catcher in the Rye, 1951), que despois de escribir este clásico só público 11 contos e abandonou a literatura, non é escritor? E Díaz Castro que, como literatura en galego, só publicou Nimbos, é ou non é escritor?
  8. Non debería Bob Dylan recibir o premio Nobel de literatura en 2017?
  9. Por que o autor afirma e/ou se pregunta no texto:
    1. "Necesitaban dedicarlle o día a mulleres?"
    2. "En termos literarios (a RAG) non estaban pensando"
    3. "para nós, para os que non estamos na Academia, esta decisión é incomprensible"
    4. "a nosa sociedade vai despistarse bastante sobre o que significa «letras galegas»"
  10. Por que o autor se serve da retranca e dun rexistro coloquial e mesmo excesivamente descoidado, case podería dicirse que inadecuado?
fragmento de Sarmiento
Marcos Calveiro no Facebook. Cantareiras e Sarmiento (Dominio público)

Feito con eXeLearning (Nova ventá)